Tráfico quere acabar coas aplicacións para móbiles que avisan dos controis
Tráfico quere acabar coas aplicacións para móbiles que avisan dos controis nas estradas. Ata o momento non son ilegais. Pero a DXT di que estas aplicacións acaban sendo perigosas para todos os condutores, e por iso queren cambiar a lei.
As aplicacións para móbiles que nos avisan de radares ou dos controis de tráfico teñen os días contados.
Polo de agora son legais. Todos podemos avisar dun radar sempre que non acheguemos datos persoais nin fotos dos axentes. Pero a DXT quere mudar a situación. A avogacía do Estado prepara xa un informe para estudar de que maneira se poden frear as alertas destas aplicacións. Tráfico cre que aumentan a inseguridade nas estradas e favorecen, ademais, outro tipo de delincuencia.
Francisco Javier Molano Martín, tenente coronel xefe da Agrupación de Tráfico da Garda Civil de Galicia: "Na estrada móvese todo tipo de delincuencia, a viaria pero tamén a común. Calquera delincuente quere supervisar onde están os controis, así que iso non beneficia porque crea unha sensación de seguridade por parte destes delincuentes que fai que se poñan na estrada e se atrevan a facer cousas que doutro xeito non farían"
Mentres non ilegalizan estas aplicacións, Tráfico combate estas prácticas reducindo o tempo que manteñen os controis nun punto determinado ou facendo controis dinámicos, é dicir, patrullas en movemento que paran condutores aleatoriamente para facerlles controis.