CRTVG

Buscar

Tráfico prevé 400.000 desprazamentos esta fin de semana

Publicado o 29/06/2021 14:57

A saída da pandemia trae de volta a operación saída de tráfico. Esta fin de semana serán 400.000 desprazamentos polas estradas galegas. 

"As patrullas van prestar especial atención ao consumo de drogas e alcol, á velocidade e ás distraccións na estrada, que son unhas das principais causas de sinistralidade. Tamén aos desprazamentos por estradas secundarias", afirma Héctor Teixeira, Garda Civil de Tráfico.

Na DXT preocupa a repunta dos falecidos por exceso de velocidade e a relaxación no cumprimento das normas. Por iso fan un chamamento á responsabilidade. En Galicia, a operación conta con 600 axentes e un bo número de medios. 

"Contaremos con 270 radares, un helicóptero e un dron con capacidade sancionadora, que é a gran novidade desta campaña de tráfico", di José Miñones, delegado do Goberno en Galicia.

Dos 39 drons que Tráfico utilizará, 23 teñen capacidade de denuncia, pero non de velocidade. É o caso do que vixiará as estradas galegas.

"Non ten radar incorporado, pero si pode detectar infraccións como non levar o cinto posto, adiantamentos indebidos...", concreta Victoria Gómez, coordinadora da DXT en Galicia.

Este mes morreron nas estradas 110 persoas, 40 máis ca no mesmo período do 2019.

Noticias web

29/06/2021