Tráfico incorpora as axudas á condución dos coches nos exames do carné
A cámara traseira, os sensores de aparcamento ou o mecanismo "acende-para", que permite arrancar e apagar o motor automaticamente en ralentí, xa poderán ser utilizados polos aspirantes a obter o carné de conducir no exame práctico.
Maximino Pérez Abuín, director da autoescola A52, explica que "cando unha autoescola compraba un coche novo, viña con algunha desas axudas. Polo tanto cando alguén se examinaba do novo permiso de conducir, o examinador dicíalle que tiña que desconectala. Hai veces que é doado desconectalas, pero hai outras veces que non. Entón, isto era unha demanda das autoescolas: a freada de emerxencia, o limpaparabrisas ponse en funcionamento el só"...
O 16 de setembro estará en vigor a instrución pola que a Direción Xeral de Tráfico permite dispoñer aos vehículos utilizados para a realización de exames de condución de determinados sistemas de axuda, que, de forma progresiva, se foron incorporando aos coches de gama alta dende 2012 e aos de gama media dende 2015.
Outros sistemas deberán desactivarse como o control adaptativo da velocidade, o sistema de aviso e/ou corrección de cambio involuntario de carril ou o de axuda ao estacionamento total do coche.
"En España, a media de antigüidade dos coches está, máis ou menos, sobre 13 anos e medio. O alumno que se examine e que aprenda con ese tipo de axudas, cando chegue á casa e se encontre o coche da casa, vaise atopar con bastantes dificultades ao mellor para arrancar e con bastantes dificultades para aparcar".
Tráfico recorda que os examinadores poderán solicitar ao aspirante que comprobe previamente calquera destes sistemas, que en 2022 serán obrigatorios na Unión Europea.