CRTVG

Buscar

Traballo aposta por unha única paga asistencial de 452 euros ao mes por desemprego

Publicado o 09/05/2021 23:19

O Ministerio de Traballo quere ter unha única prestación por desemprego de 452 euros ao mes. O novo subsidio integraría todos os existentes na actualidade a partir de 2022.

O cambio está incluído no plan de recuperación que o Goberno enviou a Bruxelas. Nel detalla as medidas para transformar o mercado de traballo e facelo máis dinámico e inclusivo. Mais alá da reforma laboral que o executivo pretende ter avanzada cando menos para finais deste mesmo ano, os detalles sacan á luz a proposta definitiva para simplificar as fórmulas de protección por desemprego.

O Goberno confirma a idea de crear unha nova prestación que integraría todas as existentes, cunha contía semellante ao 80 % do IPREM, o indicador de rendas múltiples. É dicir, 451,90 euros ao mes se se ten en conta que o IPREM deste ano anda polos 564,90 euros mensuais.

No documento, o Executivo explica que esta nova paga sería complementaria á protección contributiva.

Yolanda Díaz, vicepresidenta terceira do Goberno e ministra de Traballo e Economía Social, asegura que o obxectivo é ampliar a protección por desemprego. "Queremos estender a protección aos traballadores, nun momento de enorme sensibilidade como o actual, e dar seguridade aos que teñan que acollerse a un subsidio", manifestou.