Traballadores de Vulcano peregrinan a Santiago para denunciar o "abandono" da Xunta

Unha trintena de traballadores de Vulcano partiron ás dez desta mañá desde o estaleiro para percorrer a pé catro etapas do Camiño de Santiago, onde teñen previsto chegar o venres ao mediodía para esixir respostas á Xunta de Galicia ante a ausencia de plans de futuro para a centenaria factoría.
Con esta andaina, os traballadores buscan forzar unha reunión co conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, "ante os incumprimentos dos compromisos aos que chegaron cos traballadores de Vulcano", explicou ás portas do estaleiro o portavoz do comité de empresa, Nicolás Sangabriel.
"Hai un ano comprometéronse connosco a que se acababamos o barco (pendente) e chegabamos á liquidación eles encargaríanse de atopar un investidor e conservar os nosos postos de traballo. Un ano despois estamos nesta situación desesperada e queremos esixirlle ao conselleiro que os compromisos hai que cumprilos", engadiu.
Os traballadores de Vulcano teñen previsto facer noite hoxe en Redondela e, tras saltarse unha etapa para poder chegar o venres a Santiago, partir mañá desde Pontevedra para durmir en Caldas de Reis, desde onde irán ata Escravitude, última parada entes de chegar á capital.
Aínda que non se renden, sobre os traballadores de Vulcano foron caendo capas de indiferenza ás que se sumou a notificación oficial da extinción da empresa.
O vindeiro luns está prevista no Xulgado do Mercantil unha vista na que participarán os administradores e o Comité de Empresa para a extinción dos contratos.
Así pois, a da Xunta é a última bala dos traballadores, que saben que "practicamente" non hai marcha atrás.
"Nós imos seguir pelexando polo noso. Se fai falta vir aquí á porta todos os días viremos, pero imos seguir pelexando polos nosos postos de traballo e porque aquí en Vulcano se sigan construíndo barcos", dixo Sangabriel.