Torrent esixe que se investigue a presunta espionaxe do seu móbil
O presidente do Parlamento catalán, Roger Torrent, sinala o Goberno central pola espionaxe ao seu teléfono móbil mediante un programa exclusivo para gobernos e forzas de seguridade. Esquerra Republicana e Junts per Cat piden que comparezan no Congreso os ministros do Interior e de Defensa. Outros sete grupos, entre eles Unidas Podemos e o BNG, súmanse a eles para reclamar que se investigue o que consideran unha persecución a adversarios políticos.
A voceira do Goberno di que non lle consta a espionaxe a Torrent, e pídelle que denuncie. O Ministerio do Interior asegura que nunca traballaron con ese programa espía.
O Ministerio do Interior non tivo nunca ningunha relación coa empresa NSO, aseguran fontes deste departamento, que se desmarca da empresa desenvolvedora do programa espía Pegasus co que supostamente foi intervido o teléfono do presidente do Parlament, Roger Torrent.
Nin o Ministerio, nin a Policía Nacional nin a Garda Civil tiveron relación coa citada empresa nin contrataron ningún dos seus servizos, continúan as fontes, que subliñan que a actuación das forzas e corpos de seguridade do Estado se enmarcan sempre no "escrupuloso respecto da legalidade".
Segundo unha investigación de 'El País' e 'The Guardian', o teléfono móbil de Torrent foi atacado en 2019 con Pegasus, un programa espía desenvolvido pola compañía israelí NSO que só poden comprar gobernos e forzas de seguridade co propósito de combater o crime e o terrorismo
Nunha declaración institucional, Torrent afirmou que a espionaxe á que foi sometido a través do seu teléfono é "impropia dun estado democrático", anunciou que emprenderá accións legais e esixiu ao Goberno español que "se investigue e se depuren responsabilidades". Ao seu xuízo, trátase dun asunto "moi grave" que serve para "constatar" que no Estado español hai espionaxe á disidencia política.