Torra chama á "ruptura democrática" tras a súa inhabilitación
O presidente da Generalitat inhabilitado, Quim Torra, apelou este luns ás forzas independentistas a converter as próximas eleccións catalás en "un novo plebiscito" para "confirmar" o referendo unilateral do 1 de outubro.
Torra realizou unha declaración na Galería Gótica do Palau da Generalitat, rodeado dos consellers, tras reunirse de urxencia co Govern pouco despois de recibir esta tarde a notificación oficial da sentenza do Tribunal Supremo que confirma a súa inhabilitación por desobediencia, polo que xa non é president posto que a condena é efectiva.
Torra sinalou que as próximas eleccións resultantes da súa inhabilitación, que terán lugar nos próximos meses, deben supoñer un "punto de inflexión". E pediu que se transformen en "un novo plebiscito e un novo mandato que confirme o referendo do 1 de outubro".
O xa expresidente catalán denunciou que, "mentres os aparellos do Estado inhabilitan a un presidente da Generalitat, acompañan na fuxida a un monarca acusado de corrupción a esconderse nunha ditadura". Neste contexto, considerou que nestas eleccións catalás -que serían en febreiro- a cidadanía deberá escoller entre "democracia e liberdade ou represión e imposición, é dicir, entre república catalá do compromiso cívico ou monarquía española das bandeiras e o exército".
Tamén remarcou que, aínda que o independentismo "non estea en condicións de acabar o camiño" cara á república isto non quere dicir que haxa un retroceso, e ademais fixo fincapé en que o soberanismo "non ten medo ás urnas".
Torra prometeu que non será "ningún obstáculo no camiño cara á independencia" e asegurou que seguirá traballando "sen descanso" desde onde poida "ser útil e sumar".
O Supremo confirmou a súa inhabiltación
Quim Torra recibía pouco antes das cinco da tarde a notificación oficial do seu cesamento. Pola mañá, o Tribunal Supremo confirmara a súa inhabilitación de ano e medio pola súa, di a sentenza, contumaz e obstinada desobediencia á Xunta Electoral cando lle ordenou quitar as pancartas de apoio aos políticos presos en período electoral. Convertido xa en expresidente, Torra convocaba os conselleiros, pouco antes de facer unha declaración institucional en catalán e inglés.
Os seus socios de Goberno ven na sentenza un ataque contra a liberdade de expresión.
Para Marta Vilalta, de ERC, "estamos ante un ataque á democracia, un ataque á primeira institución do país"
Aragonés, presidente en funcións
A destitución de Torra coloca a Pere Aragonés como presidente en funcións, a falta de que o Parlament elixa outro mandatario. Os independentistas non van propor ningún nome. A oposición si baralla consensuar un candidato instrumental co único fin de que bote a andar a conta atrás de dous meses para a convocatoria automática de comicios.
Carlos Carrizosa, líder de Ciudadanos en Cataluña, confirmaba que "empezamos a poñernos en contacto cos partidos da oposición para buscar fórmulas que garantan que Cataluña non quede bloqueada en tempos de pandemia"
Goberno e PP coinciden en que as eleccións son a única saída.Segundo Pablo Casado, presidente do PP, "debería chamarse ás urnas porque se non é unha fraude de lei"
Tamén Carmen Calvo, vicepresidenta do Goberno, cre que "nesta situación, conviría que Cataluña entrase noutro espazo en que sexan os cataláns os que falen canto antes mellor"
O Goberno di que a inhabilitación non cambia a súa disposición a sentar na mesa de diálogo. Torra é o primeiro presidente autonómico inhabilitado no exercicio do cargo desde o regreso da democracia.