CRTVG

Buscar

Torra non atendeu a orde da Xunta Electoral de retirar os lazos amarelos

Publicado o 19/03/2019 21:07

O prazo rematou hai tres horas, pero o presidente da Generalitat, Quim Torra, non atendeu a orde da Xunta Electoral Central de retirar os lazos amarelos dos edificios públicos. Unha vez constatada a desobediencia, a Xunta Electoral podería trasladar o caso á fiscalía ou ben ordenarlles aos Mossos que retiren a simboloxía soberanista. A Generalitat insiste en que fará o que lle diga o Valedor do Pobo catalán.

A Xunta electoral central rexeitou a petición da Generalitat de ampliar o prazo e reiteroulle que ás seis da tarde deste martes debía retirar os lazos amarelos e as esteladas de todos os edificios públicos. O Goberno de Quim Torra négase a cumprir a orde dun organismo estatal e asegura que antes de facer nada quere consultalo con Síndic, o equivalente en Cataluña do Defensor do Pobo.

A delegación do Goberno en Cataluña xa lle comunicou á Xunta electoral que os símbolos independentistas seguen nos edificios públicos. Unha vez constatada a desobediencia de Quim Torra, a Xunta Electoral deberá decidir se ordena aos Mossos que retiren os lazos ou se traslada os feitos á fiscalía. Se é así, o caso podería acabar no Tribunal Superior de xustiza de Cataluña, xa que Torra é aforado.

Á espera do remate deste pulso entre a Generalitat e a Xunta Electoral, este martes un concelleiro do PP en Barcelona saíu do seu despacho cunhas tesoiras e cortou os lazos que había na praza da casa do concello.




 

Noticias web

19/03/2019