CRTVG

Buscar

Torra admite que incumpriu a orde de retirar lazos amarelos: "Si, desobedecina"

Publicado o 18/11/2019 09:52

Quim Torra chegou ao Palau de Xustiza arroupado por membros do seu goberno, do Parlament e polos líderes de entidades soberanistas. O terceiro presidente da Generalitat consecutivo enxuizado polo seu papel no procés está acusado de desobedecer a orde da Xunta Electoral Central de retirar os lazos amarelos e esteladas dos edificios oficiais durante a campaña electoral. Torra, que só respondeu á súa defensa, dixo que a orde era ilegal e que buscaba coaccionalo ou sentalo no banco dos acusados.

O presidente da Generalitat, Quim Torra, recoñeceu este luns que non cumpriu a orde da Xunta Electoral Central de retirar lazos amarelos de edificios públicos en período electoral porque era "ilegal" e de "imposible" cumprimento": "Si, desobedecina".

Así o admitiu Torra no seu interrogatorio no xuízo no Tribunal Superior de Xustiza de Cataluña, no que afronta unha petición de inhabilitación de ata dous anos por desobediencia por desatender o mandato da Xunta Electoral de retirar de edificios públicos lazos amarelos e pancartas de apoio aos políticos independentistas presos, durante a campaña das xerais do pasado 28-A.

Á pregunta do seu avogado, Gonzalo Boye, sobre se cumpriu "se ou non" a orde,  Torra foi  taxativo: "Non, non a cumprín.  Digámolo doutra forma: si, desobedecina. Pero era imposible cumprir unha orde ilegal. Sábeno todos os membros desta sala, era unha orde ilegal ditada por un órgano que non tiña a competencia".

A súa defensa cuestionou a imparcialidade do tribunal e pediu a nulidade do xuízo.

A Fiscalía acusa a Torra de desobediencia e solicita unha multa de 30.000 euros e a súa inhabilitación.

Unha condena firme abocaría nuns meses a unha convocatoria electoral en Cataluña.

 

Noticias web

18/11/2019