CRTVG

Buscar

Torra e Urkullu, ausentes na conferencia de presidentes autonómicos na Rioxa

Publicado o 31/07/2020 08:42

Foi unha das imaxes insólitas da homenaxe ás vítimas da COVID-19 hai dúas semanas. Os 17 presidentes autonómicos coincidían por primeira vez en anos. Unha imaxe que seguirá sendo excepcional: na Conferencia de Presidentes deste venres xa non haberá unanimidade. Quim Torra non vai. Di que é prioritario atender a situación sanitaria en Cataluña e tamén discrepa co que entende que é un limpeza de imaxe do rei Filipe VI, que presidirá a xuntanza. A cambio, Torra proponlle a Sánchez unha reunión bilateral telemática a semana vindeira. Tamén dará plantón o lendakari. Íñigo Urkullu está molesto pola falta de data para a xuntanza da Comisión Mixta do Concerto Económico e pola inconcreción da cita.


Aitor Esteban, voceiro do PNV no Congreso: "Nin parece que a conferencia teña un contido concreto nin se quixo preparar nada. O que indica é que ten máis de propaganda que doutra cousa"

Pero o Goberno di que o que está en xogo é poñer as bases da transformación da economía.

Arancha González Laya, ministra de Asuntos Exteriores: "Non me parece nestes momentos que os cidadáns vascos nin as empresas entenderían que a cadeira quedase baleira".

A cita será no mosteiro rioxano de San Millán de la Cogolla. Sobre a mesa está o destino do fondo de reconstrución europeo e unha situación sanitaria marcada polos novos gromos de infectados.

Noticias web

31/07/2020