Torra anuncia que convocará eleccións cando se aproben os presupostos
• Serán, como moi cedo, en maio
• Acusa a ERC de falta de "lealdade"
O presidente do Parlamento dixo esta tarde que o pleno para aprobar os presupostos se celebrará o próximo 18 de marzo, e iso situaría as eleccións xa no mes de maio, porque teñen que pasar 54 días desde que se convocan ata que se celebran.
Quim Torra dá por esgotada a lexislatura. Culpou dese adianto electoral a Esquerra Republicana, aos que acusou de deslealdade por non apoialo e defender que poida manter a súa acta de deputado.
Os republicanos evitan entrar en polémicas: din que respectan a decisión de Torra e que están de acordo en ir ás urnas cando haxa presupostos.
Quim Torra anunciou o adianto electoral nunha declaración institucional, sen preguntas, e convocada por sorpresa unhas horas antes. Nin sequera Esquerra Republicana, os seus socios de goberno, sabía da súa intención de convocar eleccións.
O presidente da Generalitat responsabilizou os republicanos do adianto electoral. Acusounos de desleais, e admitiu que perdera a confianza para seguir gobernando con eles. Quim Torra, presidente da Generalitat: "O consenso do independentismo non se respectou. Esta lexislatura xa non ten máis percorrido político, chegou ao seu final"
Tras o malestar inicial, desde Esquerra evitaron o enfrontamento. A través dun comunicado din que respectan a decisión e tamén o calendario electoral. Un calendario aberto, porque Torra di que non fixará a data das eleccións ata que o Parlamento catalán aprobe os presupostos.
As contas entraron este mércores na Cámara, e o previsto é que se aproben definitivamente o 18 de marzo, o que atrasaría as eleccións polo menos ata maio.
Ciudadanos e os socialistas cataláns esíxenlle a Quim Torra que non espere, e que convoque as eleccións xa.