Toques de recollida espallados por España avalados polos Tribunais Superiores de Xustiza
En Baleares o Tribunal Superior de Xustiza avala a petición do Govern para prohibir as reunións entre non conviventes en espazos públicos e privados entre a 1.00 e as 6.00 da madrugada. Unhas medidas que entran en vigor este sábado.
En Cataluña, o seu Tribunal Superior autorizou a prórroga do toque de recollida unha semana máis, e permite amplialo a outros catro municipios, son un total de 165. A Generalitat fala de situación crítica.
En Valencia queda avalado xudicialmente o toque de queda en 77 municipios de nivel de risco alto, e límite de dez persoas nas reunións. As restricións que comezan o 26 de xullo esténdense ata o 16 de agosto.
O Goberno de Navarra, tras unha denegación anterior, volve remitir ao seu Tribunal Superior de Xustiza a petición do toque de recollida pero limitándoo ás fins de semana e aos festivos de localidades que se atopen en alto risco.
Aragón volve pedir o aval da xustiza para limitar a mobilidade de madrugada nos municipios de maior incidencia.
E novas medidas no País Vasco tras acadar unha nova marca de contaxios. Peche da hostalería á unha da madrugada, limitación da mobilidade desde esa hora ata as seis da mañá, reunións cun máximo de seis persoas e novidades coa máscara.
En Andalucía, o Tribunal Supremo ve proporcionado confinar unha vila de Xaén para conter o avance do virus. Estima así o recurso presentado polo Goberno autonómico contra o auto do Tribunal Superior de Xustiza que denegara ese confinamento.