CRTVG

Buscar

Toni Roldán abandona Ciudadanos criticando o xiro á dereita do partido

Publicado o 24/06/2019 15:42

Toni Roldán, o que era voceiro de Economía de Ciudadanos e membro da cúpula, deixa o partido e o seu escano no Congreso. Asegura que se vai polo xiro á dereita dado por Rivera nos últimos meses.

Toni Roldán, ex-deputado de Ciudadanos: "Non marcho porque eu cambiase, senón porque Ciudadanos cambiou".

Así explicaba Toni Roldán o seu abandono de Ciudadanos. Di que levaba tempo amosando internamente o seu desacordo co xiro á dereita e o veto ao PSOE adoptados por Rivera.

Toni Roldán, ex-deputado de Ciudadanos: "Os custos para España da estratexia escollida por Ciudadanos son demasiado altos. Como imos superar a dinámica de confrontación de vermellos e azuis que viñemos combater se nos convertemos en azuis? As novas metas en liberdades individuais non as acadaremos da man de Vox".

Roldán anunciou a súa retirada precisamente o día que se reúne a executiva do partido, que ratificou a súa estratexia: pactar co PP e manter o non a Sánchez.

Inés Arrimadas, voceira de Ciudadanos no Congreso: "El aprobou uns criterios, por unanimidade, que agora parece que rexeita. Terá que explicar o seu cambio de criterio, pero nós desexámoslle o mellor. Seguiremos aplicando o criterio da executiva, que se aprobou por unanimidade, tamén co voto de Toni, e que ademais está refrendado polas urnas cun resultados históricos para Ciudadanos".

Roldán, que foi de número dous por Barcelona, renuncia tamén á súa acta de deputado no Congreso.