CRTVG

Buscar

Tolerancia cero contra a dobre fila na Coruña

Publicado o 13/04/2021 15:11

Rúas esganadas pola dobre fila. Así están acotío, na Coruña, moitas das vías principais. Así que para lograr unha mobilidade máis segura e fluída na cidade, a Policía Local vai intensificar o control de estacionamentos indebidos.

"Hai unha serie de rúas complicadas na Coruña que xa están vixiadas con cámaras e que sancionan de xeito inmediato, pero tamén outras zonas, como as comerciais, onde prestaremos atención... nas prazas de carga e descarga, para que os repartidores poidan facer ben o seu traballo", explica José Manuel Rico Rodríguez, inspector principal da Policía Local da Coruña.

Porque moitos repartidores din que perden máis tempo buscando onde estacionar que o que tardan en facer o seu traballo. Na rúa aplauden que se sancionen estes malos comportamentos dos condutores.

A campaña non ten data de finalización, malia que a partir de xuño, cando empecen os períodos vacacionais, si baixará a vixilancia. Porén, volverán con forza á volta do verán.

Noticias web

13/04/2021