CRTVG

Buscar

As tormentas e as chuvias poñen en alerta de novo Cataluña, Valencia e Aragón

Publicado o 03/09/2021 08:35

A inestabilidade meteorolóxica continuará aínda hoxe en Aragón, Cataluña e a Comunidade Valenciana. Cataluña estuda declarar zona catastrófica os municipios máis afectados polas riadas, e hai concellos que xa o solicitaron.

A auga tirou co muro exterior dunha vivenda de Cobisa, en Toledo, unha das localidades máis afectadas polas riadas, e levou por diante todo ao seu paso. O mozo, que estaba gravando como se anegaba o seu xardín, entrou en choque. Houbo máis veciños que estiveron coa auga ao pescozo.

Pasado o susto, e sen danos persoais graves, os efectivos de emerxencias afánanse agora en limpar a lama... E comerciantes e hostaleiros revisan as perdas calculando cando poderán retomar a actividade.

As treboadas do centro peninsular afectaron servizos públicos e vivendas tamén en Madrid. Pero Castela-A Mancha foi das comunidades que rexistraron máis incidencias e Toledo avalía pedir a declaración de zona catastrófica. Xa cara ao leste, a Generalitat de Catalunya está nas mesmas, considerando se declarala nas zonas máis afectadas pola gota fría, nomeadamente a comarca do Montsiá, en Tarragona, para obter recursos adicionais e volver á normalidade.

A normalidade custaralle retomala ao cámping de Alcanar. Aquí choveu en tres horas o que cae en medio ano. Os setenta campistas foron evacuados despois de pasaren o peor; os estragos materiais están á vista.

E ducias de actuacións de emerxencia tamén en Castelló. Finalmente, onte entregáronse os premios ás mellores fallas en Valencia, pero algunha quedou polo camiño por causa da tromba de auga.

Máis de 25 litros por metro cadrado en media hora, e así quedaron as rúas de Águilas, en Murcia, que o xoves tamén sufriu os efectos da DINA. Ao seu paso polas Baleares, o temporal tamén se deixou notar... as fortes choivas, vento, riadas, pedrazo, deixaron así estragos millonarios por media España.

Noticias web

03/09/2021