CRTVG

Buscar

O Sergas convoca cribados en institutos para detectar casos polas viaxes de estudos

Publicado o 29/06/2021 19:29

• Os 96 estudantes que chegaron ao aeroporto de Santiago fixeron a PCR

• Convocan a un cribados aos estudantes de once institutos de Pontevedra

EFE

O 100% dos mozos chegados este martes de Mallorca ao aeroporto compostelán da Lavacolla sometéronse a unha proba PCR, polo que se fixeron 86, e os resultados das mesmas daranse a coñecer este mércores.

Acaban de chegar da viaxe de fin de curso a Mallorca. No aeroporto de Santiago, un dispositivo do Sergas ofreceulles someterse a unha proba PCR. Ningún o dubidou e agora están confinados á espera do resultado. Unha das nais que acudiu recoller a súa filla asegurou que estaban tranquilos porque foron nunha viaxe ben organizada e con medidas anticovid.

"Movéronse coma un grupo burbulla, sen relación cos de outras excursións. E non foron a botellós nin a festas" asegura Eva María Solla

Eles puideron abandonar Mallorca, pero na illa están confinados nun hotel 12 adolescentes galegos. Falamos cunha alumna do Instituto Terra de Soneira de Vimianzo que acaba de saber que tiña unha pcr negativa.

"Nós o que queremos é saber cando podemos volver á casa. Saber se podemos marchar mañá ou se temos que facer corentena", contouno María Moreira.

En Mallorca tamén segue Adrián. Contaxiouse de covid e é o único dos 18 amigos do instituto Politécnico de Vigo que aínda continúa en Mallorca.

"Durante o día, coa axencia estaba bastante controlado, pero si que pola noite se desmadraba a cousa" recoñece este mozo vigués.

O macrogromo de Mallorca deixa xa 108 contaxios en Galicia. Deles 85 en Pontevedra. As autoridades sanitarias amplían os cribados entre os estudantes de bacharelato. Convocarán 932 estudantes de dez institutos da cidade. Este mércores tamén se fará un cribado xeral aos mozos de Poio que teñan entre 17 e 19 anos.

A Consellería de Sanidade, que achegou esta información, cifra en 108 os positivos: 95 da provincia de Pontevedra (8 deles de Vigo), 10 de Lugo e 3 de Ourense. O número de positivos por coronavirus na Comunidade de Madrid vinculados ás viaxes de fin de curso nas últimas dúas semanas a Mallorca ascende a 656, dos que 593 son estudantes e 63 son casos secundarios, entre eles o pai dun alumno que está hospitalizado.

Ademais, fontes da Consellería de Sanidade informaron de que hai 2.595 contactos en corentena. Oito comunidades autónomas notificaron preto dun milleiro positivos vinculados ás viaxes de final de curso a Mallorca, sendo a Comunidad de Madrid a máis afectada con 656 contaxios.

A Comunidade Valenciana, Murcia, Castela-A Mancha, Galicia, Cataluña, País Vasco e Aragón son os outros territorios nos que se confirmaron contaxios nas últimas dúas semanas por mor das viaxes. Un total de 64 dos 249 mozos peninsulares que tiveron relación directa ou indirecta co gromo da viaxe de estudos a Mallorca deron positivo nas probas  PCR, o que supón unha taxa de positividade do 25,7 %, informou a  Conselleria de Saúde e Consumo nun comunicado.

Os contaxios comezaron nun concerto, que foi desaloxado pola Policía ao incumprir medidas preventivas como a distancia de seguridade e o uso de máscaras, e en festas en hoteis e barcos na illa ás que asistiron estes mozos desde mediados deste mes. 

Noticias web

29/06/2021