Todo un planeta celebrando o 2020
Había unha vez un día que se converteu en noite. Había unha vez un ano que se converteu noutro ano. E iso, por algún motivo, segue fascinándonos. Aínda que, igual, dicir que nos fascina é dicir pouco na Praia de Copacabana.
Silencio en Madrid antes da emoción da conta atrás, antes da canción da conta atrás. E conta atrás en Nova York. En Times Square un millón de persoas, talvez máis.
Había unha vez un ano que entrou pola alfombra vermella dos Campos Elíseos e por ela subiu ao edificio máis alto do mundo. Un ano que dende Dubai saltou ata as protestas de Chile.
"Enchamos a praza de cores!", e o Hong Kong tamén entre protestas fixo caso, e fixeron caso as protestas de Beirut. Mesmo fixeron caso os escoceses. En Edimburgo, literalmente, dispararon cores. Festa cun aire marcial só superado por unha Corea do Norte que se entregou á loucura do baile.
Igual ca no Brasil. Pero alí a loucura era que deste 2020 polo de agora unicamente vemos o seu horizonte.