Todo preparado para a primeira fin de semana do Mes do Cocido en Lalín
Do porco aprovéitase todo, ata os andares. E niso, en Lalín son uns mestres, tras 51 anos organizando o Mes do Cocido, que, ademais, cada vez se fai máis internacional. Segue a ser unha celebración local na que participan 25 restaurantes do centro e da periferia da vila, que suman entre 3.500 e 4.000 prazas para comensais. Con todo, e dependendo se é pola semana ou na fin de semana, se queremos xantar cocido en Lalín este mes o mellor é asegurarse e reservar.
O Mes do Cocido case é un xeito de vida na vila e a afluencia de foráneos nótase en case calquera negocio, pero especialmente nas carnicerías, porque algúns non se conforman cun bo recordo. Case ninguén da zona se resiste a xantar cocido fóra estes días, aínda que o coma decote na casa. Ademais, todos os comensais reciben de agasallo un broche alegórico.
Os pratos de cocido andan este mes en Lalín entre os 20 e os 45 euros nun restaurante. Aínda quedan prazas e datas para degustalo ata o día 24 de febreiro, o día grande deste prato que nos identifica alén das fronteiras.