Todo listo para que cinco millóns de madrileños acudan ás urnas
EFE
Nos máis de 1.000 locais electorais de Madrid, xa están listas as urnas e as papeletas, e tamén os xeles hidroalcólicos, as máscaras... e os itinerarios para evitar aglomeracións, algo ao que tamén vai axudar unha aplicación informática.
Eugenia Carballedo, conselleira de Presidencia da Comunidade de Madrid, explicou que "lles imos facilitar durante a xornada electoral información sobre os límietes de ocupación dos colexios electorais en tempo real, de modo que van poder decidir en que momento se achegan aos distintos colexios electorais".
Recomendan que os votantes vaian co voto da casa, que os anciáns voten de 10 a 12 e que os enfermos de covid ou os que o sospeiten de 7 a 8. A contenda electoral chegou ata o día de reflexión, coa denuncia do PSOE a Isabel Díaz Ayuso ante a xunta electoral polo suposto uso partidista dos actos do 2 de maio.
Para os candidatos este luns tocaba desconectar. Pablo Iglesias foise á serra con outros compañeiros de Podemos a pasear co can. Idea parecida tivo a candidata de Vox, Rocio Monasterio, ela coa familia. Mónica García, de Mas Madrid, pasou a mañá no parque do Retiro e Edmundo Bal, de Ciudadanos optou por un plan dobre: exercicio a primeira hora e cervexas a mediodía. Ángel Gabilondo visitou o hotel desde onde os socialistas van seguir o escrutinio e Isabel Díaz Ayuso percorreu o centro de datos instalado en Ifema. Toman aire antes de que os máis de cinco millóns de electores decidan o papel que cada un deles vai xogar na vindeira lexislatura.