CRTVG

Buscar

Toca abrigarse, chega un aire ártico que afunde os termómetros

Publicado o 24/12/2020 20:25

O forte descenso das temperaturas nas últimas horas déixase sentir en Galicia. Os termómetros baixaron dos cero graos en varias localidades. No municipio da Veiga, por exemplo, houbo seis graos baixo cero. En Cabeza de Manzaneda só un grao máis. En Verín, menos tres. En Cervantes, menos dous, e en Guitiriz, un baixo cero. A baixada das temperaturas foi brusca, sobre todo nas mínimas. 

O frío intenso chegará nas últimas horas do domingo pero xa hoxe, como anticipo, toca abrigarse en moitos puntos de Galicia. Nas zonas do interior temos xa por fin temperaturas propias do inverno.

Chegan as festas do Nadal e nesta Noiteboa Lugo espertaba con tan só un grao, polo que o mellor era ter preto unha estufa. É tan só un anticipo do que nos agarda nos vindeiros días. Mañá baixada xeral das temperaturas, mesmo cos termómetros baixo cero en moitos puntos do interior de Galicia. O peor, segundo as previsións, chegará o domingo, con temporal no mar, fortes refachos de vento e a chegada de aire do Ártico que vai traer moito máis frío aínda e neve nas zonas altas de Galicia.

O contraste vímolo en Vigo: na praia de Samil mesmo houbo quen se atreveu a mollar os pés. Non había unha nube e luciu o sol, malia que a temperatura foi fresca. Foron moitos os que se animaron a aproveitar o día á beira do mar. Un paseo que foi o mellor agasallo do Pai Noel despois de tantos días de chuvia.

 

Noticias web

24/12/2020