Tino Fernández, Alex Bergantiños e Borja Valle estiveron na Radio Galega
Mais cousas. Normalmente o Deportivo xoga un fútbol combinativo. Onte á noite xogou ao contraataque.
Xogaron ao contraataque na Radio Galega o presidente Tino Fernández e os xogadores Borja Valle e Alex Bergantiños. Unha hora de fútbol e de risas. O programa desenvolveuse no Estadio de Riazor.
Ao contraataque en Riazor coa Radio Galega e sen prexuízo de que este Deportivo escolla sobre a herba xogar do aquén ao alén.
Mália os últimos resultados non hai preocupación. O Dépor ten un plan, aquel que sabe recoñecer, como na arte da guerra, que todos os plans se desbaratan cando entras en contacto co enimigo.
Con mellores ou peores rachas o certo é que no Deportivo a toxicidade do vestiario semella ser cousa do pasado.
Ao presidente non tiveron maneira os da Radio Galega de quitarlle prenda sobre o mercado de inverno. O recoñecido deportivista Xosé Antonio Touriñán pechou o debate e aproveitou para soltar o ferrete Vigo-Coruña que todo bo programa do país non pode evitar. Gústanos a xolda e pronto chegará o contraataque.