A autopsia revela que a muller asasinada na Pastoriza foi acoitelada
Segundo día de loito oficial na Pastoriza polo crime machista en que morreu asasinada unha muller de 79 anos presuntamente a mans do seu home, de 82 anos, que posteriormente se suicidou. Na casa consistorial, as bandeiras ondean a media hasta con crespóns negros en sinal de dó por un suceso que conmocionou este concello chairego.
"Eu digo que isto que está pasando é algo moi feo. Estiveron vivindo moito tempo xuntos e non pasou nada, e agora, aos 80 anos, que pase isto... Eu creo que estamos vivindo nunha época que, se non se fai algo, non sei como se ha facer. Aos 80 anos, que pase isto é algo feo. Non hai un respecto agora por nada. Non sei en que acabará todo isto".
"Máis ben consternados. O señor, precisamente, hai quince días que estiven con el, e noteino coma sempre".
O suceso tivo lugar na Regueira, na parroquia pastoricense de Crecente, onde residían o presunto parricida e maila vítima, que apareceu morta na cociña con cortes no pescozo e cun traumatismo na cabeza. Pola súa parte, o suposto agresor apareceu tirado no chan á beira da casa despois de tirarse por unha ventá.
"El dicían que estaba enfermo. Igual se lle pasou algo ao home pola cabeza. Ademais, ata hai pouco inda tiñan unha granxa grande de gando, e aínda había unha veciña miña que ía traballar alí. Agora estaba na casa, algo mal de saúde. E ela tamén, segundo din".
"Igual perdeu a cabeza, porque era un matrimonio que se vía ben. Ela inda é algo parente do meu marido, e eu vía que era unha persoa boa. E el tamén, que se levaban ben, pero eu que sei o que pasou. Non sei o que pasa pola cabeza da xente agora".
Os restos da primeira vítima mortal dun crime machista no que vai de ano en Galicia, a sexta no ámbito estatal, e mais do seu agresor, encóntranse agora nun tanatorio en Lugo. O seu enterro será á tarde, cando tamén hai convocadas máis dunha trintena de concentracións nas vilas e cidades de todo o país en repulsa polo acontecido.