Ternera Gallega venderase co certificado de benestar animal
A partir deste ano a carne da Indicación Xeográfica Protexida Ternera Gallega comezará a comercializarse con certificado de benestar animal.
O novo selo incorporarase ás etiquetaxes actuais e garantirá ao consumidor que os animais criados ao amparo deste selo de calidade cumpren cos requisitos máis estritos de benestar. O anuncio fíxose na presentación de resultados de 2020, onde en plena pandemia medraron por riba do 6 % no mercado, cun valor en primeira venda de 126 millóns. Na parte negativa, os prezos pagados en orixe aos gandeiros, que rexistraron unha significativa baixada.
"Non queremos aquí falar dun ano do que estar especialmente satisfeitos. Si poderiamos estalo pola actividade da IXP, pero en Ternera Gallega preocúpanos a realidade sectorial e cando no sector os prezos non son os óptimos, pois loxicamente non estamos satisfeitos co ano", di Jesús González, presidente de Ternera Gallega.