CRTVG

Buscar

Termatalia aborda o papel dos balnearios na recuperación da saúde tras a pandemia

Publicado o 15/09/2021 14:33

A pandemia xerou novos perfís de doentes. Desde persoas que pasaron a enfermidade e que precisan rehabilitación ata outros que, sen padecela, sofren as consecuencias físicas e mentais do illamento.

Francisco Maraver Eyzaguirre, presidente da Sociedade Española de Hidroloxía: "Esas persoas que, unha vez que volveron saír á rúa, todo o mundo pensa que ten máis anos porque teñen problemas de tipo motor, cognitivo... A medicina oficial dálles vitaminas, cando o que precisan é exercicio e movemento".

É nese contexto onde os balnearios se postulan como espazos para recuperación da saúde tras a pandemia, un dos aspectos que abordan os máis de setenta expertos internacionais que participan nesta edición de Termatalia.

María Dolores Fernández Marcos, directora médica de Caldaria Termal: "Un balneario é un servizo sanitario, así que hai un médico que vai enfocar o tratamento desa persoa. Desde a cura hidropínica, inhalacións ou fisioterapia para abordar o que teña esa persoa".

Ata os balnearios están chegando xa usuarios con estes perfís, que buscan desde tratamentos respiratorios ou de fisioterapia, ata a relaxación dun espazo termal.

"Cando puidemos vir aquí, era volver soñar. Con medo, con precaución". "Dez días aquí, neste entorno e os beneficios da auga termal, o descanso, en conxunto favorece moitísimo a calidade de vida", comentan dúas usuarias.

A feira, que este ano, coma o pasado, prescinde dos expositores por cuestións sanitarias, si facilitará encontros entre profesionais e este congreso que, ata o venres, abordará distintos aspectos do Turismo de saúde e benestar que aportan as augas termais.

Noticias web

15/09/2021