Teresa Portela, a vida dunha triunfadora
Leva dúas décadas na elite do piragüismo. Con 39 anos cumpridos en maio, Teresa Portela logra o soño longamente acariñado. Perseveranza e esforzo son os seus sinais de identidade.
"O que hai é traballo, sacrificio e estar continuamente poñendo obxectivos", asegura a padexeira.
A de Cangas é unha das máis veteranas do piragüismo internacional e é a muller española con máis citas olímpicas. As de Toquio eran as sextas. Na súa vitrina de premios acumula 15 medallas mundiais e 17 europeas. Ata agora, resistíaselle a medalla olímpica.
Daniel Brage, adestrador de Teresa Portela: "O compoñente mental dela, a cabeza que ten é moi especial".
A de Tere Portela é unha vida en cifras. Comezou a padexar con 9 anos, hai tres décadas. Non volveu baixar da piragua. Participou nos seus primeiros xogos olímpicos con 18, en Sydney 2000. Nesa cita, o seu marido e tamén fisio, o expiragüista David Mascato, quedara cuarto.
Ademais de formarse en Maxisterio de Educación Física e Fisioterapia, con 31 anos Portela tomou a decisión de ser nai, relegando o deporte a un segundo chanzo, coa incerteza de se podería retomalo.
Para a deportista, a familia é troncal na súa vida.
Toquio 2021 quedará marcado para sempre como un fito histórico na carreira desta muller da que din que desafía o tempo. Está por ver se a cousa acaba aquí ou se atreve con París 2024, xa con 42 anos.