CRTVG

Buscar

Terceiro día sen noticias do pai e as súas dúas fillas desaparecidos en Tenerife

Publicado o 30/04/2021 20:24

Terceiro día de busca das nenas desaparecidas xunto co seu pai en Tenerife. Ata o momento, o dispositivo localizou a cadeira de retención infantil dunha delas aboiando no mar e restos de sangue na embarcación. Pero non se sabe se este sangue é de Tomás Gimeno, das nenas, ou doutra persoa.

A Garda Civil rexistrou este venres a casa do home e outra propiedade familiar en busca de pistas.
Tamén revisan a fondo o coche do desaparecido e a embarcación en que saíu navegar.

Nas imaxes das cámaras de seguridade do porto vese como Tomás Gimeno chegou ao barco ás 9 e media da noite do martes. Cargou uns vultos, saíu ao mar e volveu a terra dúas horas despois. Ninguén no porto viu as cativas, de 1 e 6 anos.

O home volveu preocupado por cargar o seu móbil."A batería do móbil tena descargada e el está apurado por descargar o teléfono, incluso vai a unha gasolineira a comprar un cargador e aí o garda atópao nervioso por saír. Incluso o garda lle dixo que xa pasara o toque de queda. Pero el estaba apurado por saír e de feito saiu ás doce e media, cando xa non se podía saír".

Unha hora despois chamaba a súa exparella para dicirlle que non volvería ver as cativas e mandaba unha mensaxe de despedida aos seus pais. Pero antes de irse, Gimeno sacara máis de 70.000 euros do banco. Os investigadores non descartan que subise a outro barco para fuxir só ou coas cativas.