CRTVG

Buscar

Terceira medalla para Galicia: o vigués Nico Rodríguez, bronce na clase 470 de vela

Publicado o 04/08/2021 08:15

A parella formada polo vigués Nicolás Rodríguez e Jordi Xammar logrou a medalla de bronce na clase 470 de vela. Nunha emocionante Medal Race na que defendían seis puntos de vantaxe sobre o barco de Nova Zelandia o equipo español acabou na quinta praza, dúas por debaixo dos seus grandes rivais, e mantivo a diferenza necesaria para asegurar o bronce. 

O ouro xa tiña un dono desde había varios días. A parella australiana amosouse intratable. A prata foi para Suecia, que fixo unha grande recta final de competición. España, moi regular no seu rendemento desde o primeiro día, acabou cun merecido metal. 

Nico Rodríguez, dentista de profesión, deixouno todo a un lado en 2016 para dedicarse de xeito profesional á vela. Con Jordi Xammar formaron un dúo que se mantivo na elite os últimos catro anos. Unha prata e dous bronces no mundial, prata e bronce no europeo, agora logran pendurar ao pescozo a medalla de bronce nuns Xogos, a razón de ser pola que se formou o equipo.