Tensión entre percebeiros e bateeiros na costa da Vela
Publicado o 06/05/2020 15:05
A tensión entre os percebeiros de Cangas e os bateeiros da Illa de Arousa volveuse sentir este mércores na costa da Vela, onde mesmo unha árbore talada cortaba o acceso.
Os da Illa acudiran para recoller a cría de mexillón cando se atoparon coa oposición dos percebeiros. Os do Morrazo aseguran que teñen un pacto cos mexilloeiros das rías de Vigo e Pontevedra para que non acudan a esta zona e non estraguen o seu traballo. Os mexilloeiros rexeitan unirse a ese acordo e insisten en que a lei lles permite tamén recoller aquí a cría do mexillón.
Malia que mantiveron conversas durante toda a mañá, non chegaron a un acordo, polo que finalmente ningún baixou traballar ás rochas.