CRTVG

Buscar

Bos días

Tensión nos rexistros con Ana Julia mentres se soubo que Gabriel morreu estrangulado o día da desaparición

Publicado o 13/03/2018 09:14

As investigacións sobre a desaparición e morte do pequeno Gabriel de oito anos avanzan e as análises forenses preliminares determinaron que o meniño morreu estrangulado o mesmo día en que faltou da casa. A Garda Civíl trata de pechar todas as circunstancias do crime e cre que Ana Julia, a suposta autora do asasinato, actuou con absoluta frialdade en solitario. Supoñen que planeou a morte, agochar o cadáver e o xeito mesmo de despistar a policía.

O traballo policial unha vez localizado o cadáver de Gabriel focalízase nos escenarios do crime do pequeno de Níjar.

A tensión desbordábase á saída de Ana Julia, a muller detida como suposta autora do asasinato do menor, da vivenda que compartía co pai de Gabriel, escoltada por axentes da Garda Civíl. Un grupo de veciños de La Puebla de Vícar tratou de agredila despois de permanecer dúas horas no interior, en que os investigadores trataban de clarificar os seus pasos desde a desaparición do pequeno.

Ao regreso do vehículo coa detida á Comandancia da Garda Civíl despois dunha longa xornada repetíase a tensión e os berros contra a muller. A xornada comezaba cos datos da autopsia, que conclúe que o neno morreu o mesmo día en que desapareceu, o 27 de febreiro, por estrangulamento con asfixia mecánica. O corpo presentaba golpes na cabeza.

Á primeira hora os investigadores trasladáronse á leira dos avós paternos de Gabriel en Rodalquilar, onde Ana Julia agochou nun pozo o seu cadáver. Ata alí trasladou a Garda Civíl a Ana Julia, á que vemos esposada percorrer o lugar fortemente custodiada. Era o primeiro escenario para reconstruír todo o que pasou. A muller non está a colaborar cos axentes nos interrogatorios. Ao parecer, nun primeiro momento e despois de trasladar o cadáver do pequeno, agochouno nun rego, tapado con terra e ramas. Os investigadores tratan de determinar se o moveu despois ao pozo de onde o retirou o domingo para trasladalo ata a vivenda que compartía co pai de Gabriel e onde a detiveron finalmente.

Desde hai varios días xa a consideraban a principal sospeitosa da desaparición, polo que lle puxeron varios cebos e reclamos nos que caeu finalmente, e os axentes puideron dar co corpo de Gabriel tapado cunha manta ante a casa de Vícar, a uns 80 quilómetros de Las Hortichuelas, a casa da avoa onde pasaba uns días o meniño.

Bos días

13/03/2018