CRTVG

Buscar

Tenreira con fabas e grelos, o menú solidario de Noiteboa en comedores sociais e domicilios

Publicado o 24/12/2020 10:59

Recoñecidos chefs como Javier Olleros, Lucía Freitas ou Juan Crujeiras puxéronse á fronte dos fogóns solidarios este Nadal. Elaboraron máis de 7.000 menús solidarios que se van distribuír en comedores sociais e domicilios para esta noite.

A iniciativa parte do Parlamento e da Xunta de Galicia, en colaboración coa ONG World Central  Kitchen -dirixida polo chef José Andrés-, que se encargará da distribución, e outras entidades sen ánimo de lucro -cociñas económicas e comedores sociais-. O acordo está dotado cun orzamento de 65.000 euros. 

Xavier Guitart, responsable de Wordl Central Kitchen en Galicia, explicou no Bos días que estiveron desde o domingo cociñando, para que todo estivese listo hoxe. 

Os pratos elaboráronse a partir dos produtos galegos cuxos provedores se integren en Mercaproximidade, a canle de comercialización de agroalimentación impulsado pola Xunta por mor da crise da covid-19, que deixou moitos provedores sen mercados en que vender os seus produtos. 

En concreto, os cociñeiros galegos fixeron, nas instalacións do Centro Superior de Hostalería de Galicia, un menú que se compón de estufado de tenreira galega con fabas e grelos e, de sobremesa, iogur galego con mel de IGP Mel de Galicia.   

Da distribución dos menús en comedores sociais, cociñas económicas e demais asociacións encargarase a ONG World Central  Kitchen -dirixida polo chef José Andrés- en colaboración con diferentes entidades solidarias das catro provincias como a Cociña Económica de Santiago, Convento San Francisco en Pontevedra, a Asociación Centro de Desenvolvemento Rural Ou Viso ou a  Asociación Banco de Alimentos Rías Altas, entre outras.

Ricardo Misa, da Asociación Vida Digna, explicaba como se realizaba o repartimento en Vigo, onde tamén queren que as visitas que realizan ás persoas beneficiarias desta iniciativa sirvan para facerlles sentir que "non están sós nun día coma hoxe".

 

Noticias web

24/12/2020