CRTVG

Buscar

Sol e calor para a fin de semana que anuncia a chegada do verán

Publicado o 27/05/2021 14:32

Xoves caloroso no interior de Galicia, aínda que non tanto finalmente como prognosticaban os modelos meteorolóxicos ata hai tan só unhas horas. Finalmente por riba dos 25 graos en Lugo e Ourense e un chisco por debaixo en Santiago. E agárdase máis calor de cara a fin de semana.

Hoxe unha fronte próxima polo Atlántico pode deixar algunhas nubes na metade oeste de Galicia, ou mesmo algún chuvasco illado. Mañá quedarán aínda restos das brétemas que entrarán esta noite, sobre todo polo litoral norte. Pero a fin de semana isto cambia, subirán as temperaturas e chegará a oportunidade de desfrutar do sol. 

O alivio das restricións por unha banda e o bo tempo pola outra propician poder desfrutar de plans ao aire libre, aínda que hai quen ten outras prioridades. Para quen poida desfrutala, teremos unha fin de semana seca e solleira, de  temperaturas altas, sobre todo no interior. A previsión é que Ourense capital alcance o domingo os 32 graos, Ribadavia, os 33. 

O litoral norte da Coruña e a Mariña de Lugo terán temperaturas máis suaves por mor do nordés. Esta situación anticiclónica e de altas temperaturas vaise manter tamén o luns. 

 

Noticias web

27/05/2021