CRTVG

Buscar

Tempo frío, tempo de grelos

Publicado o 28/12/2020 14:34

A colleita de grelos de cedo xa comezou na comarca de Santiago a finais de setembro. Houbo bastante produción, sobre todo comparada coa campaña anterior, cando a falta de auga impediu que as sementes xerminaran. Con todo, o clima do outono foi bastante pobre para o grelo, di a produtora Loli Alvela: "O grelo necesita chuvia, frío, tamén algo de sol, e non se deu esa combinación, pero agora si, chega o frío".

Chega o frío e abre o groso da tempada alta do grelo, a de inverno. Ata que a calor deteña a produción entrada a primavera, Loli repasará diariamente as leiras para collelo no momento xusto. "Antes de que brote a flor, cando xa van estirando as follas, cando cambian de cor, e saca unha sementiña".

Os fungos estragaron algunhas plantacións, pero as que se salvaron están producindo ben en cantidade e mellor en calidade. "Ten a folla moi brandiña, dende abaixo, non é só tronco, nótaselle moito que é de moi boa calidade o grelo", di esta produtora.

Esa calidade valórase no mercado, e o certo é que o grelo pode dobrar en prezo a nabiza. Iso nos explica Pepe Alvela, socio da empresa Viparal de Vedra. No que levan de campaña xa recolleron como toda a pasada, uns corenta mil quilos. Esperan pasar dos cen mil este ano, e iso que din que a produción vai a menos.

"Todo o do campo a máis non vai, e o grelo aínda por riba ten unha colleita complexa, con frío, con chuvia, así que a máis non vai", di Pepe.

Este ano a pandemia engadiu outra preocupación, porque baixou o consumo.

"Afectounos este ano o peche da hostalería e na casa tamén, porque non se xuntan tantas persoas", explican dende Viparal.

Confían en que a campaña 21-22 sexa a da volta á normalidade, e animan os produtores a sumarse ao cultivo porque din que a demanda do grelo vai en aumento.

Noticias web

28/12/2020