Temperaturas máximas de verán na provincia de Ourense e mañás moi frescas
A primeira fin de semana de Semana Santa foi moi calorosa en toda a provincia de Ourense, especialmente na capital e en Leiro, onde onte se rexistrou a temperatura máxima de España, 29 graos. Hoxe, segundo as previsións de Meteogalicia, non irá tanta calor, dan 25 graos.
As mañás son fresquiñas en Leiro, pero conforme avanza o día os termómetros dispáranse.
Onte Ourense capital chegou aos 27 graos e medio e Leiro foi con 29 graos o recuncho máis quente do estado.
Chama a atención estes días a diferenza entre as máximas e as mínimas. En Calvos de Randín baixaron a cero graos, pero despois máximas, agás nas zonas de montaña, superaron os 20 graos en toda a provincia de Ourense.
Mañá e o mércores tamén teremos en Ourense tardes moi calorosas, o xoves e o venres santos estarán revoltos, con chuvascos. A fin de semana, segundo Meteogalicia, volverá o sol pero con temperaturas xa máis suaves.