Temperaturas altas para a fin de semana de Entroido
A fin de semana chega con poucos cambios meteorolóxicos. Toda Galicia seguirá baixo a influencia do anticiclón. O tempo será seco e solleiro e con temperaturas altas. En Ourense, o sábado espéranse máximas de 23 graos e o domingo de 24.
Ana Lage, meteoróloga de MeteoGalicia: "Que en febreiro haxa situacións anticiclónicas non se pode considerar excepcional. Nesta época do ano poden coincidir situacións con pasos de frontes, que deixan moi comprometido o tempo no Entroido, pois este ano coincide que eses días haxa influencia anticiclónica, e con temperaturas altas para esta época do ano, sobre todo durante o domingo van ser catro ou cinco graos máis".
A situación será tranquila en terra nos próximos días. No mar, hoxe está activado o aviso amarelo desde as tres da tarde ata as doce da noite desde a Costa da Morte ata a Mariña luguesa.
Ana Lage, meteoróloga de MeteoGalicia: "Imos ter especialmente na costa coruñesa ondas sobre catro metros de altura. A xornada do domingo volvemos ter aviso amarelo, xa en todo o litoral galego, por ondas de catro a cinco metros".
Se se cumpren as previsións, o martes achegarase unha fronte que pode deixar chuvia.