CRTVG

Buscar

Tapian o edificio do Garañón en Lugo, onde se suceden botellóns e actos vandálicos

Publicado o 04/08/2020 13:07

O edificio sen rematar das costas do parque de Rosalía, en Lugo, coñecido como o Garañón, é un lugar habitual de reunións xuvenís, malia o perigo que supón tanto pola súa altura como pola presenza de materiais de construción moi deteriorados.

Agora procedeuse a tapiar os accesos pero non semella que a medida vaia evitar que se sigan organizando botellóns no interior. Os veciños advirten do risco que supón a presenza do edificio: "Pasan os anos e cada vez hai máis actos vandálicos. Tamén houbo unha morte e isto converteuse nun foco de todo tipo de cousas. Pero, sobre todo, é un caso de feísmo que dá unha imaxe patética da cidade de Lugo".

Sobre o edificio existe unha sentenza que obriga ao seu derrubamento, pero está sen executar e non hai unha data fixada nin sequera a medio prazo para tiralo. A asociación Costas do Parque leva anos reclamando que se leve a cabo o derrubamento, tanto polo perigo que supón a presenza das obras sen rematar como polo negativo impacto visual que supón para toda a zona. Tamén cren que non sería obrigatorio indemnizar o promotor das obras.

Hai un mes produciuse un suicidio ao saltar unha persoa dende os andares superiores. Tamén se rexistraron altercados nas noites de botellón e xa se detectaron numerosos grupos movéndose polo edificio sen ningunha medida de seguridade.

Noticias web

04/08/2020