CRTVG

Buscar

Suu Kyi comparece ante un tribunal por primeira vez desde o golpe de Estado

Publicado o 24/05/2021 18:36
Suu Kyi comparece ante un tribunal por primeira vez desde o golpe de Estado
EFE

A deposta líder birmana, Aung San Suu Kyi, compareceu hoxe ante un tribunal por primeira vez desde o golpe de Estado, despois de máis de tres meses de arresto, e reafirmou a lexitimidade do seu partido, a Liga Nacional para a Democracia ( LND). Un dos seus avogados confirmou a Efe que puido reunirse por primeira vez en persoa coa derrocada conselleira de Estado e ministra de Exteriores, que non foi vista en público desde que os militares a arrestaron o 1 de febreiro en Naipyidó, a capital birmana, para executar o seu golpe de Estado.

Entre fortes medidas de seguridade, a vista celebrada nun tribunal especial habilitado na Oficina do Goberno de Naipyidó, só serviu para que Suu Kyi se reúna cos seus representantes legais e preparar a súa defensa ata a próxima sesión, programada para o próximo 7 de xuño polo xuíz. A Nobel da Paz, que, segundo os seus avogados, vive illada e sen noticias do que ocorre no país, puido reunirse antes da sesión 30 minutos cos seus letrados, con quen ata o de agora só coincidira por videoconferencia.

A derrocada líder, acusada de seis cargos variados, como a importación ilegal de dispositivos electrónicos, a vulneración das normas contra a covid-19 e a incitación ao odio, queixouse de que a media hora concedida cos seus avogados non era suficiente, segundo indicou o seu letrado, Khin Maung Zaw a Efe. 

Ademais de analizar a estratexia do caso, a líder deposta de 75 anos, dixo que lles desexa aos birmanos "boa saúde e prosperidade" e defendeu a lexitimidade do seu partido, a Liga Nacional para a Democracia ( LND), que arrasou nas eleccións de novembro e ao que o Exército acusou de fraude para xustificar o golpe de Estado. A LND "foi creada polo pobo, por tanto seguirá existindo mentres o pobo a apoie", dixo Suu Kyi, quen afronta tamén outro proceso no Tribunal Supremo pola suposta violación a Lei de segredos oficiais, o cargo máis grave e que podería supoñer unha condena de ata 14 anos de cárcere

Noticias web

24/05/2021