Suspendido o amigable entre o Celta e o Leverkusen previsto para este sábado
Publicado o 27/07/2021 13:42

O Celta segue preparando a vindeira temporada. Hoxe renovou o xogador da canteira José Fontán ata 2025.
Ao tempo, este mediodía o R. C. Celta anunciaba unha variación de última hora na súa pretemporada: a cancelación do seu amigable contra o Bayern Leverkusen previsto para este sábado 31 de xullo ás 16:00 horas.
A xustificación: as restricións sanitarias no país xermano, que "impiden a disputa do amigable entre o Celta e o Leverkusen".
Porén, o conxunto alemán publicou na súa páxina web que fora a dirección do Celta a que cancelou a viaxe a Alemaña por positivos no cadro de xogadores. De feito, informaron de que buscarán rival para esa mesma data e hora.