CRTVG

Buscar

Suspéndese o xuízo a unha banda de narcotraficantes búlgaros en Santiago

Publicado o 03/03/2020 13:20

Ivan Haralampiev é o líder da suposta rede de nacotraficantes búlgaros que hoxe ían ser xulgados en Santiago por un delito contra a saude pública. Foi o único que se presentou. Os outros 3 acusados e a súa avogada non se personaron e a vista suspendeuse sen data. A Fiscalía pide para Ivan 13 anos de prisión e unha multa de 40 millóns de euros e para os outros 3 acusados, 10 anos de cárcere e multa de 10 millóns. A operación que propiciou a sua detención comezou en febreiro de 2013 en Santiago.

A Policía Nacional detectara este camión sospeitoso con matrícula checa e detivo nun hotel a dous dos acusados cunha bolsa con case 2 millóns de euros, co que supostamente ían pagar un cargamento de droga. Tras prestar declaración deixáronos en liberdade e vixiaron os seus movementos. Seguíronos ata Alcorcón, en Madrid, onde o lider da rede, Ivan xestionaba empresas de transporte e lecer para, supostamente branquear os cartos da droga.

A operación culminou en abril coa detención na fronteira francesa de todos os implicados cando escoltaban outro camión con matrícula checa que saira de Alcorcón e transportaba 47 quilos de cocaína, que tería un valor no mercado de case 8 millóns de euros. No rexistro do domicilio do líder, Ivan, atoparon medioa quilo de cocaína e 3 de heroína. A rede supostamente introducía heroína en España desde Afganistan e Irán e logo levaría cara Europa cargamentos de cocaína.

Noticias web

03/03/2020