CRTVG

Buscar

Suspenden o Entroido Ribeirao e o oso de Salcedo pola pandemia

Publicado o 08/01/2021 13:55

Nin o oso cos seus criados tiznándolle a cara os visitantes nin os peliqueiros e volantes correndo pola beira do Miño. Este ano suspéndense os dous elementos máis tradicionais do entroido no sur da provincia de Lugo. En Chantada o entroido ribeirao e na Pobra do Brollón o Oso de Salcedo.

Os organizadores de ambos eventos consideran que non é posible garantir a seguridade sanitaria debido o alto número de persoas que acuden a eles e por eso escolleron a medida máis lóxica. "Moi triste e desagradable para nós pero nonj podiamos manter a seguridade neste evento e por eso suprimimos moitas cousas, entre elas o Oso", di Marisa Defente, da Asociación Oso de Salcedo.

O ano pasado estes dous entroidos congregaron máis de 3.000 persoas cada un. Aínda que se celebran ao aire libre, é imposible evitar que haxa contacto estreito entre asistentes e participantes, e máis no caso de Salcedo onde hai que loitar co público. Ademais, non sería posible limitar o acceso nin os organizadores queren restrinxir a participación. Por eso, suspenden agora para poder celebrar con garantías o vindeiro ano. "Non tería sentido facer algo diferente ou reducir o aforo. Non sería o mesmo para nós nin para a xente".

Tanto en Chantada como en Salcedo hai previstas actividades alternativas para un público moi reducido ou mesmo a través da Internet.

Noticias web

08/01/2021