CRTVG

Buscar

Suspenden as clases en 3.º de primaria nun colexio de Carballo tras o positivo dun escolar

Publicado o 14/09/2020 18:01
Suspenden as clases en 3.º de primaria nun colexio de Carballo tras o positivo dun escolar

Google

A confirmación dun caso positivo de covid-19 entre o alumnado dun CEIP de Carballo (A Coruña) obrigou a suspender as clases no nivel de 3.º de primaria. En concreto, é un escolar do CEIP Nértoma-Razo, do que o Goberno local tivo coñecemento esta fin de semana. 

A dirección do centro activou o protocolo ante a aparición deste caso positivo e solicitou a colaboración do Concello de Carballo para realizar unha desinfección especial, que levou a cabo este mesmo domingo, na aula do alumno afectado e nos espazos comúns. 

O centro mantén a súa actividade, á espera da evolución dos datos, aínda que a Consellería de Educación a suspendeu nese nivel, segundo engaden fontes municipais. Así mesmo, a edil de Educación de Carballo, Mar Eirís, está en contacto permanente coa directora da escola.

En todo caso, o Goberno local destacou que desde o establecemento das medidas restritivas o pasado xoves en Carballo e A Laracha, ampliadas a Ponteceso e Laxe, a comarca de Bergantiños rexistrou unha caída no número de casos activos de 27 persoas. Dos 164 casos activos na comarca de Bergantiños, 66 deles están no Concello de Carballo, pero a cifra mantense estable desde o sábado.

Máis sobre Carballo