Susana Seivane sae cada día tocar coa familia ao balcón
A crise estanos a traer tamén momentos que acabaremos botando de menos. Por exemplo, os veciños de Pravio, en Cambre, están xa afeitos a que cada día unha das mellores gaiteiras do mundo saia ao balcón e toque as mellores pezas da tradición galega. Susana, ademais, toca en familia.
Coa familia, ás veces Antón, Fiz, Brais ou Saínza , e ás veces soa, Susana toca porque é o que ela pode achegar.
Onte, sexta semana xa, porque empezaron o 17 de marzo, tocaron a Muiñeira de Santo Amaro. Só en Facebook viron este vídeo máis de tres mil persoas e cada día reciben centos de mensaxes de animo, de agradecemento e de peticións.
Susana comezou a tocar con 3 anos, cando os seus ollos se azuis se iluminaron coa primeira gaita feita á medida. Nestes días soubo que é finalista nos Premios Martín Códax e tiña que estar en xira co seu ultimo disco, FA. Pero a cultura está parada. Aínda así, Susana, como moitos músicos, seguen tocando para todos. Só nos pide algo a cambio: que cando remate isto non esquezamos que van precisar do noso apoio. Porque #aculturasegue e eles téñeno claro.