CRTVG

Buscar

Susana Rodríguez busca o podio en Toquio nas probas de tríatlon e 1.500 metros

Publicado o 17/08/2021 14:03

Cando era pequena soñaba con algún día poder participar nuns Xogos. Conseguiuno en Río 2016, pero non obtivo medalla. Susana Rodríguez busca agora nos Xogos Paralímpicos de Toquio subir ao podio.

"Nos Xogos Paralímpicos magnifícase todo, teño que ter claro que vou ao que vou, non me podo distraer, o ambiente é diferente".

Naceu cunha visión inferior ao 10 %. A súa vida é un constante relato de esforzo e sacrificio. Tripla campioa do mundo de tríatlon, comezou a competir cando tiña tan só dez anos.

"Eu dicía que de maior quería estar nuns xogos. Na casa dicíanme: 'Ti traballa, pero pensa que no mundo hai millóns de persoas e hai moi pouca xente que participa nunha olimpíada".

Pero participar nuns xogos non era o seu único soño. Susana quería ser médico coma seu pai. E así foi. Licenciouse en Medicina no ano 2016. Viviu de cheo a pandemia traballando nun hospital. Unha muller sen límites que a revista Time quixo homenaxear na súa portada.

"A vida dá moitas voltas, iso demostra que se traballas, se te esforzas, se tes disciplina, se es constante... ás veces sae".

Constancia e disciplina. Dúas palabras que resumen a perfección o traballo de Susana Fernández na busca da medalla olímpica.

Noticias web

17/08/2021