CRTVG

Buscar

Susana Díaz preséntase ás primarias adiantadas do PSOE andaluz

Publicado o 06/05/2021 15:31

Os socialistas madrileños recoñecen a desfeita electoral pero nin José Manuel Franco renuncia a seguir de líder da federación nin Ángel Gabilondo á súa acta de deputado. Polo momento, porque esta será unha das cuestións que a cúpula do PSOE analice esta tarde, e anúncianse cambios.

A voceira do Goberno, María Jesús Montero, admite que os resultados nas pasadas eleccións "obriga a repregar, a facer unha reflexión, a pensar cales foron os fallos nesta campaña e, por suposto, a tomar con valentía as decisións que correspondan".

A derrota en Madrid xa tivo efectos no patio andaluz. A líder do partido, Susana Díaz, coñeceu polos medios que Ferraz vai adiantar as primarias na comunidade. Ante a prensa, asegurou que lle mandara unha mensaxe a Pedro Sánchez, pero non obtivo resposta. Recibiu, máis tarde, unha chamada do secretario de Organización, "que en ningún momento me falou de convocatoria de primarias en Andalucía", declarou. 

Pero, ante o ruído, como dixo ela, preferiu adiantarse. Pide que se celebren xa esas primarias e anuncia que vai presentarse. Á dirección nacional reclámalle Díaz autocrítica porque "algo non estaremos facendo de todo ben cando miles de cidadáns nos dan as costas, como vimos estes días".

Agardando pola versión de Sánchez, a número dous do Goberno culpa dos resultados o desgaste da pandemia. Para Carmen Calvo "é lóxico que quen está gobernando nunha pandemia sexa quen se ten que desgastar, no bo e no malo".