CRTVG

Buscar

Surfeiros de nivel proban ondas na Coruña para entrar nun circuíto internacional

Publicado o 14/12/2020 13:58

Algúns dos mellores surfeiros do mundo estiveron adestrándose na Coruña, concretamente na zona do Portiño. Deste encontro preténdense extraer experiencias e compartir información con deportistas de primeiro nivel que axuden a posicionar A Coruña como un dos lugares onde surfear ondas xigantes.

O obxectivo é crear un certame Onda Xigante de surf no Portiño que se asemelle a outros de nivel internacional como o de Nazaré, en Portugal. Estes eventos dependen do estado do mar e teñen que convocarse con pouca marxe de tempo, uns dez días. 

O mar debe chegar arredor dos 20 metros de altura. Aquí cren que a zona coñecida como As Rubias en mar aberto ten potencial natural.

José Luis Díaz, un dos organizador de After Surf, di que hai dous tipos de onda no Portiño: a onda remada e a onda remolcada propulsada por motos de auga, que é a que se está probando hoxe para dar a coñecer no circuíto mundial de Ondas Xigantes este emprazamento único.

A iniciativa xorde da man do Concello da Coruña, en colaboración con entidades como After Surf. Os surfeiros tamén cataron as ondas duns 7 metros de altura coñecida na zona como Coprinos.

Noticias web

14/12/2020