Suíza impón corentena aos viaxeiros procedentes de España peninsular

Os viaxeiros procedentes de España que entren en Suíza a partir do sábado, 8 de agosto, deberán permanecer 10 días en corentena, segundo anunciou hoxe o Departamento Federal de Interior do país centroeuropeo. Quedan fóra desta medida a persoas que proveñan das illas Baleares e Canarias.
A medida aplícase por mor de que España fose incluída na listaxe de países con risco "elevado" de infeccións de covid-19, na que tamén se atopan outros 46 estados.
Suíza aplica unha corentena obrigatoria desde o 6 de xullo aos países que estean incluídos na devandita listaxe, e segundo as estatísticas nacionais máis de 16.000 persoas tiveron que pasala con carácter preventivo, nos seus domicilios ou outros aloxamentos.
As autoridades suízas actualizan con frecuencia esta lista, e ademais de España engade a partir do 8 de agosto a países como Romanía, Guinea Ecuatorial e Singapur, mentres que saen dela Rusia, Acerbaixán e Emiratos Árabes Unidos.
España é, canda os Estados Unidos, o único país da lista onde algúns dos seus territorios quedan excluídos da corentena obrigatoria (no caso estadounidense, esta non se aplica a viaxeiros procedentes de Porto Rico e Illas Virxes).
Outros países incluídos nela, onde as cifras de contagios son aínda altas, son A Arxentina, O Brasil, Chile, Bolivia, Colombia, Costa Rica, O Salvador, Guatemala, Honduras, México, Panamá, O Perú ou a República Dominicana.