CRTVG

Buscar

Suicídase o escritor Ari Behn

Publicado o 26/12/2019 01:39

• Estivo casado coa primoxénita dos reis de Noruega

Suicídase o escritor Ari Behn

O escritor Ari Behn, que estivo casado coa princesa norueguesa Marta Luísa, suicidouse aos 47 anos. Así o comunicou a familia, que pediu "respecto" á súa vida privada de agora en diante.

Tamén vía comunicado, os reis Harald V e Sonia amosaron a súa "gran pena" pola morte de quen foi un "gran pai" e unha parte "importante" da familia real durante moitos anos, do que conservan "bos recordos". Sumáronse ao pesar o príncipe herdeiro Haakon e a súa muller, a princesa Mette-Marit, destacando que para eles era "un familiar querido" e "un tío fantástico" co que compartiron grandes e pequenos momentos da vida.

Ari Behn e a primoxénita dos reis noruegueses casaron en 2002, separáronse en 2016 e divorciáronse ao ano seguinte. Tiveron tres fillas.

Nacido en Dinamarca e criado en Noruega, a súa carreira como escritor -tamén era pintor- comezou hai dúas décadas co libro de relatos Triste do inferno, que vendeu cen mil exemplares. O ano pasado publicaba Inferno -que recibíu boas críticas- en que contaba o período posterior á súa ruptura matrimonial.