Sucédense os roubos nas máquinas expendedoras en Lugo
A situación é desesperante para os propietarios das máquinas expendedoras que hai situadas en varios recintos deportivos do concello de Lugo. A empresa concesionaria calcula que os cartos roubados andan polos 30.000 euros no que levamos de ano.
Os roubos multiplicáronse no 2019, xa que nos catro anos anteriores só houbera tres denuncias. En total son 29 as máquinas afectadas, as que están instaladas no pazo municipal de deportes, nos campos de fútbol das Gándaras e A Milagrosa e os polideportivos do Palomar e A Piringalla.
A maioría dos roubos prodúcense nas fins de semana, cando os centros deportivos teñen maior actividade e, polo tanto, cando a recadación das máquinas é maior.
Os ladróns habitualmente rebentan as máquinas con patas de cabra e, para evitar que os identifiquen, adoitan levar luvas para non deixar a pegada dixital.