CRTVG

Buscar

Suavízanse os protocolos nas residencias de maiores, que poderán saír 4 horas ao día

Publicado o 27/05/2021 14:46

A ritmo de Chayanne. Así reciben os usuarios desta residencia de maiores de Carballo a nova de que a partir deste venres xa poden saír do centro todos os días e retomar os seus quefaceres cotiáns.

Poder ir ao salón de peiteado ou tomar un café á vila, e están moi contentos. "Nótase unha alegría especial estes días no centro", di a directora Sonia Andrade.

Volven bailar e volven sorrir porque, din, a pandemia detivo a súa vida pero agora si xa gozan da luz ao final do túnel.

Ademais de recuperar as saídas diarias para os residentes, tamén se suavizan os protocolos para os traballadores. Os que xa teñan a pauta de vacinación completa non terán que cubrir unha enquisa epidemiolóxica antes de empezar a xornada, pero, con todo, din, non se baixa a garda.

Algunhas cousas vanse a manter de momento, como os cribados de saliva ou os tests de antíxenos, pero non se van facer os test diarios de temperatura ou síntomas covid.

Con esta tan ansiada flexibilización das medidas, os maiores volven abrazar a vida e a gozar dos pequenos grandes praceres do seu día a día.

Noticias web

27/05/2021