CRTVG

Buscar

Suavízanse as restricións en Santiago e dende o sábado non se pedirá certificado covid no interior da hostalería

Publicado o 11/08/2021 14:32

A partir do sábado xa non será preciso presentar o certificado Covid para acceder ao interior dunha cafetería ou un restaurante compostelán.  "É un alivio, porque nós tiñamos que estar pendentes de pedir o certificado", comenta a propietaria dun restaurante da zona vella. 

Algúns clientes tamén agradecen que se elimine esa esixencia, como explica unha turista: "Vénse eles na situación de ter que esixir un documento, que poden crer ou non que o tes aquí, que o tes feito, para todos é unha boa medida".

A ocupación máxima permitida no interior dos locais mantense no 50 por cento , ao igual que nas terrazas. Dende o sector anhelan que melloren os datos sanitarios para poder ofrecer unha maior acollida.

Tamén hai novidades para o ocio nocturno. Neste tipo de establecementos os clientes que accedan ao interior si que terán que presentar certificado Covid, de vacinación ou PCR negativa. Dende o sábado pubs e discotecas poden reabrir, ata as 3 da mañá.

Un alivio das medidas para Santiago, que baixa ata o nivel medio de restricións. Sen esquecer que as reunións seguen limitadas a un máximo de 6 persoas no interior e de 10 no exterior, e que tampouco está permitido xuntarse con non conviventes entre as 3 e as 6 da mañá.

Noticias web

11/08/2021