CRTVG

Buscar

Stellantis Vigo suspende a produción en dous sistemas o domingo e na mañá do luns

Publicado o 07/05/2021 20:15
Stellantis Vigo suspende a produción en dous sistemas o domingo e na mañá do luns

A dirección da planta do grupo Stellantis en Vigo (antes PSA) comunicou ao comité de empresa a necesidade de suspender novamente a produción o vindeiro domingo e parte do luns debido a problemas de aprovisionamento. Así, paralizarase a actividade nos dous sistemas de produción na xornada do domingo e na quenda de mañá da xornada do próximo luns.

A fábrica viguesa viuse obrigada a paralizar a súa produción varias veces desde principios de ano debido á chamada 'crise dos microchips' ou semicondutores, que afecta as empresas que lle fornecen este tipo de pezas. Precisamente, para afrontar este escenario de incerteza, a dirección da factoría pactou un expediente de regulación temporal de emprego ( ERTE) co comité de empresa (excepto CIG e CUT, que non asinaron).

A pasada semana, a dirección de Stellantis Vigo confirmou que mantén previsións de "alta actividade" entre os meses de maio e xullo por unha demanda "maior que a prevista", e que alcanzaría unha produción ao redor dos 2.300 vehículos ao día. Está por ver se esas previsións se alteran polos problemas de aprovisionamento.